Nova edición do Festigual, o encontro de arte e cultura inclusiva máis importante do noroeste
Cando:
15 de outubro de 2024
Nova edición do Festigual, o encontro de arte e cultura inclusiva máis importante do noroeste
O programa ofrece un mes de teatro, música, danza, exposicións, graffitis e actividades de balde
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, presentou esta mañá a oitava edición do Festigual, o festival de artes inclusivas que organiza o Concello da Coruña xunto coa Fundación Emalcsa e que se converteu ao longo destes anos nun referente do noroeste da Península. No acto tamén participaron a deputada provincial Avia Veira, a directora da asociación Poten100mos, Cristina de la Puente, e a actriz do espectáculo ‘Nada se sabe’, Corina Alfonso Mañá.
O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por unha iniciativa que busca a inclusión de toda a sociedade arredor da cultura, ofrecendo, do 30 de outubro ao 29 de novembro, unha das programacións máis completas, abranguendo dende teatro, música, danza, exposicións e graffitis, ata encontros formativos e actividades para todas as idades. Todos os espectáculos e actividades son de balde. «Festigual pon á persoa no centro, independentemente das súas características, das súas capacidades, porque a cultura é un dereito de todos e todas, e arte pode ser unha poderosa ferramenta de transformación social», indicou Nereida Canosa.
O festival abrirá o día 30 de outubro no Centro Sociocultural Ágora co espectáculo ‘Cerebro, Artes, Acción’, unha colaboración entre Experimentadanza e a Banda Municipal de A Coruña, que explora a complexidade do cerebro humano a través da danza e o teatro. Esta edición tamén contará coa terceira edición de ‘Música baixo as estrelas’, un concerto moi especial protagonizado por artistas de rúa da cidade, que terá lugar o 3 de novembro no Teatro Colón.
O 9 de novembro o Centro Ágora acollerá ‘Puños de harina’, a multipremiada obra de Aedo Teatro que afonda en temáticas sociais como o racismo, a violencia e a diversidade cultural.
A programación incluirá tamén espectáculos de reflexión sobre a exclusión e a discapacidade con pezas como ‘Nada se sabe’, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións que poderá verse no Teatro Colón o 17 de novembro.
A música chegará da man dos concertos de Fillas de Cassandra e Chungo Pastel coa súa aposta pola fusión de tradición e modernidade, ofrecendo unha experiencia acústica accesible a todos os públicos o 27 de novembro no Ágora.
Cerrará a programación, o 29 de novembro no Centro Cívico dos Mallos, o concerto ‘Músicas Inclusivas e Participativas’, onde Robert Pier, xunto co Coro Diversos Funcionais, poñerá en escena un espectáculo que mestura música e emocións compartidas.
A arte urbana tamén terá o seu espazo co proxecto de «Graffiti Inclusivo», unha proposta colaborativa no que a Asociación Participa promove a participación de persoas usuarias de centros sociais. Terá lugar o 8 de novembro no Centro Amigó Os Mallos ás 17.00 horas.
Tamén as propias persoas usuarias de asociacións como Poten100mos ou AÏS se subirán ao escenario para amosar que a creatividade non ten barreiras coas obras «O misterioso cabaré do Sr. Pilgrim… e Freestyle» e a «Proxección sonora III. La fabbrica Illuminata». Será o 7 de novembro no Ágora.
A programación complétase coa exposición sobre o XV aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña e que estará do 28 de novembro ao 15 de decembro na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga. Os amigos do Museo de Belas Artes programaron o seu Museo Virtual no Ágora o 7 e o 27 de novembro. O 9 de novembro haberá unha xornada de Arte e saúde no Colexio Oficial de Médicos da Coruña.
A concelleira quixo agradecer a participación de todas as entidades sociais que achegan actividades á programación do Festigual e tamén ás entidades colaboradoras: a Fundación María José Jove, Vegalsa e a Deputación da Coruña. Canosa animou a veciñanza a «acudir aos espectáculos e a gozar todas as actividades desta oitava edición dun festival que non só ten unha gran calidade artística senón que tamén, a través da inclusión e a accesibilidade á cultura, nos abre a mirada e mellora a nosa calidade como cidadanía».
Programación do Festigual 2024
Do 28 de novembro ao 15 de decembro
- Exposición: XV aniversario da Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade da Sociedade Filatélica de A Coruña. Sala Municipal de exposicións Salvador de Madariaga. De luns a domingo. De 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.
30 de outubro
- Cerebro, artes, acción. Experimentadanza e a Banda Municipal de A Coruña Centro Ágora ás 12.00 e ás 20.00 horas.
3 de novembro
- Música Baixo as Estrelas. Con Sophie Simonds, Pulpiño Viascón, Misuria Blues e Rozadura. Presenta Fran Rei. Teatro Colón ás 19.00 horas.
7 de novembro
- Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora ás 18.30 horas. Require inscrición en festigual.gal.
- O misterioso Cabarel do Sr. Pilgrim… E freestyle. Asoc. Poten100mos. A proxección sonora III. La fábrica Illuminata. Asoc. Cultural AIS. Explorando o Museo. Amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora a partir das 19.30 horas.
8 de novembro
- Graffiti Inclusivo. Asociación Participa. Centro Amigó Os Mallos ás 17.00 horas.
9 de novembro
- Xornada de Arte e Saúde. Colegio Oficial de Médicos de A Coruña. Require inscrición en festigual.gal.
14 de novembro
- Puños de Harina. El Aedo Teatro. Centro Ágora ás 12:00h e ás 20:00h
17 de novembro
- Nada se sabe. Centro Dramático Galego e Culturactiva. Teatro Colón ás 19.00 horas.
27 de novembro
- Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora ás 19.00 horas.
- Fillas de Cassandra + Chungo Pastel. Centro Ágora ás 20.00 horas.
29 de novembro
- Músicas Inclusivas e Participativas. Robert Pier e o Coro Diversos Funcionais. Centro Cívico Os Mallos ás 20.00 horas.