Noticias de Galicia

Luz verde ao proxecto para reformar o patio do CEIP María Pita, en Elviña, onde tamén se acometerán melloras de accesibilidade ao centro educativo

Cando:

16 de outubro de 2024

Vista aérea do CEIP María Pita, no barrio de Elviña

O investimento previsto polo Concello é de algo máis de 140.000 euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá ao proxecto de reforma do patio do CEIP María Pita, no barrio de Elviña, unha medida que aparellará melloras de accesibilidade ao centro educativo desde o sector lindeiro á rolda Camilo José Cela, unha iniciativa que foi valorada positivamente nas convocatorias de Orzamentos Participativos.

O seguinte paso de cara á execución dos traballos será a súa licitación, cun investimento previsto de 141.887,04 euros.

A alcaldesa, Inés Rey, reafirmou hoxe «o compromiso amosado polo Concello coa comunidade educativa e os centros escolares da Coruña», e puxo como exemplo intervencións de mellora que xa están en marcha, como a remodelación e naturalización dos espazos exteriores do CEIP Ramón de la Sagra, situado tamén no barrio de Elviña. O abano de actuacións nos centros educativos coruñeses tamén inclúe a ampliación do parque infantil no CEIP San Francisco Javier, rubricada durante o pasado verán.

A isto súmanse, ademais, intervencións como o proxecto para remodelar a pista multideporte no CEIP Víctor López Seoane, no barrio de Monte Alto. O dito proxecto xa se aprobou a mediados deste ano en Xunta de Goberno Local, o que permitiu avanzar na posta en marcha dos trámites administrativos para a contratación das obras, que incluirán a renovación parcial do peche perimetral do colexio.

Máis de 2,5 millóns para melloras tecnolóxicas e de infraestruturas

Tal e como adiantou a alcaldesa o pasado luns, na Xunta de Goberno Local deste mércores aprobáronse investimentos na cidade por un valor de máis de 2,5 millóns de euros.

Máis da metade deste importe irá destinado ao novo contrato de mantemento do software para o servizo municipal BiciCoruña, co obxectivo de que estea operativo 24×7 todos os días do ano. E, a maiores, para licitar o contrato de servizo de nube pública multicloud, co obxectivo de mellorar e optimizar a infraestrutura dixital de atención á cidadanía.

Por outra banda, deuse o visto e prace ao proxecto para reurbanizar o espazo sueste do Barrio das Flores, que suporá, en termos prácticos, melloras xerais na accesibilidade aos bloques de vivendas e percorridos peonís entre as rúas Azucenas e Petunias, enclave onde tamén se acometerá a renovación integral do parque infantil alí existente. O investimento previsto nesta intervención é dun millón de euros.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies