Lenny Kravitz actuará na Coruña o 10 de abril coa súa xira Blue Electric Light
Cando:
18 de outubro de 2024
Será a segunda actuación do artista na cidade tras o seu concerto do 2012
O gañador de catro premios Grammy e lenda da música rock, Lenny Kravitz, actuará por segunda vez na Coruña o vindeiro ano 2025. O norteamericano estará no Coliseum o xoves 10 de abril, dentro da súa xira mundial Blue Electric Light.
A Coruña será unha das tres únicas citas do artista no país e a única data no noroeste peninsular. O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta polos grandes eventos musicais, ofrecéndolle á cidadanía concertos de primeiro nivel mundial. Nesta ocasión, será a cuarta vez que Lenny Kravitz actúe en Galicia e a segunda na cidade, tras o rotundo éxito do seu concerto no Coliseum no ano 2012, ao que asistiron máis de 8.000 persoas.
Desde o 22 de febreiro ao 14 de abril, Lenny Kravitz percorrerá os principais recintos de Europa, incluíndo o Wembley Arena de Londres ou La Defense Arena de París. A venda de entradas activarase a partir do vindeiro xoves 24 de outubro ás 10.00 horas. Poderán adquirirse nos puntos de venda en liña de Live Nation, Ataquilla, Ticketmaster e El Corte Inglés. Ademais, tamén se poderán retirar no despacho de billetes da praza de Ourense en formato físico. Haberá un límite de seis entradas por persoa.
Blue Electric Light é o duodécimo álbum de estudio do músico de rock estadounidense. Saíu á venda o 24 de maio de 2024 e desde entón Kravitz atópase presentando as súas novas cancións en concerto por todo o mundo. O artista interpretará tamén os seus grandes éxitos, que lle valeron numerosos premios e o apoio de millóns de fans arredor do mundo.