Noticias de Galicia

Inés Rey defende o papel das rexións no desenvolvemento das políticas de cohesión da Unión Europea na mesa do Comité das Rexións en Hungría

Cando:

29 de outubro de 2024

A alcaldesa e vicepresidenta da FEMP foi elexida para formar parte da mesa do Comité Europeo das Rexións

A alcaldesa, Inés Rey, defendeu hoxe en Balatonfüred (Hungría) a necesidade de que as rexións sigan a desenvolver un papel central no desenvolvemento das políticas de cohesión futuras ante o cuestionamento do modelo por parte da Comisión Europea, que avanzou a posibilidade de recentralizar os mecanismos de financiación. Rey, que foi escollida para formar parte da mesa do Comité das Rexións, apostou neste organismo porque os diferentes niveis de goberno (rexional e local) sexan determinantes á hora de desenvolver as políticas europeas «a cohesión social, económica e territorial non é posible sen contar coas rexións como se ten demostrado ao longo dos últimos anos». 

A mesa do Comité das Rexións debateu tamén sobre turismo sostible nas rexións con patrimonio natural, aspecto no que a alcaldesa destacou a necesidade de avanzar cara a un turismo sostible e regulado por ser «un dos aspectos que está a tensionar o mercado da vivenda en moitas cidades europeas».

Neste senso lembrou a necesidade de que todas as administracións traballen para regulalo, dentro das súas competencias, como están a facer xa en España moitos concellos como o da Coruña coa ordenanza reguladora de vivendas de uso turistico. 

A alcaldesa interviu tamén no debate en nome dos representantes españois para defender unha declaración de apoio e solidariedade co pobo ucraíno que se aprobou por unanimidade polo Comité. 

Mesa do Comité Europeo das Rexións

A mesa do Comité Europeo das Rexións é o órgano executivo do Comité, ten un papel político fundamental na elaboración, establecemento e seguimento das prioridades políticas deste organismo. O Comité Europeo das Rexións é a voz das rexións e as cidades da Unión Europea (UE). Representa aos entes locais e rexionais de toda a Unión Europea e asesora sobre as leis novas que teñen un impacto sobre as rexións e as cidades (o 70 % da lexislación da UE).

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies