Noticias de Galicia

EMVSA asumirá a xestión do Banco Municipal de Vivenda a partir desta mesma semana, con case dous millóns de investimento ata o ano 2026

Cando:

24 de outubro de 2024

As vivendas do Carmen forman parte do patrimonio residencial do Concello

Este xoves finalizaron os trámites necesarios para completar o procedemento de traspaso dos máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do Concello, destinados a alugueiro social

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta de Goberno Local, convocada en sesión extraordinaria coa finalidade de completar o procedemento que habilitará á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) a asumir a xestión do parque municipal de vivendas, unha iniciativa impulsada co obxectivo de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo.

Neste sentido, a rexedora lembrou que, a día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, situados en puntos como Os Pelamios, os arcóns de Orillamar, As Lagoas, Someso, Eirís, Os Rosales, o grupo de vivendas do Carme e tamén en Novo Mesoiro, entre máis localizacións repartidas nos barrios da cidade, como son a Agra do Orzán, Os Mallos, a Sagrada Familia e Catro Camiños. Ademais, a estes bens patrimoniais hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.

Agora, o Concello ten previsto destinar case dous millóns de euros á xestión do Banco Municipal de Vivenda a través do encargo a EMVSA, que entrará en vigor a partir deste sábado 26 de outubro e será efectivo, de inicio, durante 18 meses, entre os anos 2025 e 2026. «Esta medida vai en sintonía con outra iniciativa aprobada recentemente: a posta en marcha dun novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias para facilitarlles o acceso á vivenda na cidade», explicou a alcaldesa, que lembrou que a previsión do Concello é que este programa estea en marcha antes de que remate o ano.

Creación dun rexistro de demandantes de vivenda en alugueiro social

O encargo á EMVSA para xestionar o Banco Municipal de Vivenda tamén suporá, en termos prácticos, que asumirá funcións diversas en materia de atención e asesoramento ás persoas demandantes de vivenda en réxime de alugueiro social.

Por iso, entre os traballos que executará o persoal da EMVSA estará a creación e administración dunha base de datos do parque de vivendas que se integran no Banco Municipal de Vivenda, que terá en conta factores como as condicións de accesibilidade e as características dos inmobles no seu interior, o que facilitará, á hora de xestionar os alugueiros, o filtrado en función das necesidades de cada persoa demandante.

Por outra banda, tamén se dará forma a un novo rexistro de demandantes de vivenda pola vía de alugueiro social, ao que poderán concorrer todas as persoas e unidades de convivencia que acrediten o cumprimento das condicións persoais e socioeconómicas que marque o regulamento.

Ademais das tarefas de xestión legal, administrativa e económica no tocante ao arrendamento das vivendas, EMVSA tamén se encargará do referente ao seguimento, solicitude e xestión de axudas públicas, así como da difusión pública e información á cidadanía sobre as convocatorias para a incorporación de vivendas ao banco, e adxudicación ás e aos arrendatarios.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies