Noticias de Galicia

Constituída a Mesa de Seguridade e Convivencia para facilitar o intercambio de información coas entidades veciñais e comerciais e dar mellor servizo aos barrios

Cando:

31 de outubro de 2024

Este xoves tivo lugar a primeira Mesa de Seguridade e Convivencia no Ágora

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a primeira sesión, á que asistiron unha trintena de representantes do sector asociativo e económico

Esta mañá celebrouse a primeira reunión da Mesa de Seguridade e Convivencia, unha iniciativa do Goberno de Inés Rey co obxectivo de establecer un espazo de diálogo permanente entre as entidades veciñais, comercios, hostalería e corpos e forzas de seguridade da cidade. En total, unha trintena de representantes do sector asociativo e económico asistiron á reunión.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a reunión e presentou ás entidades o Plan de Seguridade posto en marcha polo Concello o pasado mes de setembro para a mellora da coordinación e acción en materia de convivencia. Destacou o inicio do proxecto piloto da app para comerciantes que se está a levar a cabo nos barrios da Agra do Orzán e Catro Camiños. «Contamos xa con 54 establecementos adheridos, 28 na rúa Barcelona e 26 en Alcalde Marchesi», explicou a alcaldesa. Xa se está a repartir o cartel identificativo aos locais que se adheriron ao programa. O sistema, que se foi implantando nas últimas semanas, quedou hoxe operativo e xa enlaza directamente a través do móbil aos negocios adheridos coa Policía Local, permitindo intervencións máis rápidas en caso de necesidade. Nos vindeiros meses analizarase o resultado do proxecto piloto, coa intención de extendelo a outras rúas da cidade. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, estivo tamén presente na reunión.

A continuación da alcaldesa interviu a subdelegada do Goberno, María Rivas, quen destacou o labor diario das forzas de seguridade e subliñou a importancia dunha coordinación eficaz entre os diferentes corpos policiais.

A sesión completouse coa presentación a cargo do inspector da Policía Nacional, Alberto Arias, quen analizou os datos actuais de seguridade na cidade. O xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz, completou a intervención detallando o traballo levado a cabo polos axentes locais, así como as accións preventivas en marcha para fortalecer a seguridade nos barrios.

Na reunión tamén se abordaron aspectos específicos sobre a convivencia cidadá. En concreto, o inspector principal Jesús Ángel López Quintela explicou os obxectivos e actuacións da unidade de convivencia, destacando a súa importancia na xestión de conflitos e na promoción de boas prácticas entre os veciños. Pola súa banda, o inspector principal, Juan Puente Rapela, expuxo as funcionalidades do novo mapa e aplicación para o seguimento e información sobre seguridade e convivencia, que permitirá ás e aos residentes acceder a datos actualizados e colaborar máis activamente coa Policía.

A xornada pechouse cun espazo de intervencións aberto ao público asistente, no que os representantes veciñais, hostaleiros e comerciantes tiveron a oportunidade de expresar as súas preocupacións e suxestións en temas de seguridade. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, acompañada polo director da área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, foi a encargada de moderar este intercambio e de derivar as inquedanzas individuais a reunións específicas coas autoridades correspondentes, fomentando así unha xestión máis personalizada e efectiva dos temas expostos.

A Mesa de Seguridade e Convivencia naceu co obxectivo de fortalecer a comunicación e a colaboración entre veciñanza, comercios e administracións. Reunirase de forma periódica co fin de facer un seguimento continuo da situación e mellorar a coordinación entre a cidadanía e os corpos de seguridade, promovendo así unha convivencia harmoniosa e segura na cidade.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies