Noticias de Galicia

Andy Criere e Lucía Machado proclámanse campións de España de surf na modalidade Open

Cando:

20 de outubro de 2024

Andy Criere, na entrega de premios posterior ao campionato

A competición desenvolveuse esta fin de semana na praia do Matadoiro, cunha grande afluencia de público aos diferentes eventos

Andy Criere e Lucía Machado proclamáronse este domingo campión e campioa de España de surf na modalidade Open tras a disputa da última xornada do campionato ‘A Coruña King and Queen of the Bay’. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregarlles os trofeos, nun acto celebrado xunto a fonte dos surfistas.

A competición celebrouse durante esta fin de semana na praia do Matadoiro e reuniu a medio cento dos e das mellores surfistas do país. A delegación máis numerosa foi a de Galicia con 11 persoas. Tamén participaron oito deportistas de Canarias, 12 do País Vasco e 10 de Cantabria e sete de Asturias. Destacou a presenza do deportista olímpico Andy Criere, Yago Domínguez (País Vasco) e Luis Díaz (Canarias). Na proba feminina as favoritas foron as canarias Lucía Machado e Sol Borelli e a asturiana Enara Palacios.

Por outra banda, o surfista de Zarautz Rubén Vitoria acadou o Trofeo Tito Fariña á mellor ola do campionato, conseguindo unha impresionante puntuación de 9,25. Este trofeo, que lembra a memoria do surfista local xa falecido Tito Fariña, foi entregado polo seu amigo e lenda do surf coruñés, Chicho Torreiro, nun emotivo momento no que rendiu homenaxe a unha figura emblemática da cidade.

A competición congregou a un gran número de asistentes e afeccionados ao mundo do surf na contorna da praia do Matadoiro, onde se levaron a cabo durante os últimos tres días numerosas actividades, todas elas gratuítas. Con este campionato o Goberno de Inés Rey volveu a amosar a capacidade que ten para organizar grandes eventos deportivos na cidade.

A competición deportiva estivo financiada polo Plan de Sostibilidade Turística A Coruña Sostible e Dixital, cuxas actuacións son financiadas a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies