Aberto desde o luns o prazo de inscrición no IV Concurso Imaxina Coruña
Cando:
27 de outubro de 2024
Os centros educativos interesados neste programa municipal poderán apuntarse na web municipal ata o 22 de novembro
O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición no programa do IV Concurso Imaxina Coruña do 28 de outubro ao 22 de novembro de 2024. O Goberno de Inés Rey renova a súa aposta por esta iniciativa que busca difundir o coñecemento científico entre o alumnado.
A temática desta edición é ‘Auga Limpa, Futuro Sostible’, unha oportunidade para que os e as estudantes desenvolvan competencias científicas e sociais, á vez que achegan solucións creativas a un dos maiores desafíos do noso tempo: garantir o acceso universal a auga limpa e o saneamento.
Os centros educativos públicos e concertados da Mancomunidade de Municipios da Coruña, que abrangue os concellos de: A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, con grupos de alumnado de ESO e Bacharelato, interesados en formalizar a súa participación neste programa do Plan Coruña Educa poden facelo na web educativa do Concello, a través desta ligazón.
«O programa Imaxina Coruña nace como unha iniciativa municipal de carácter innovador que pretende difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de secundaria», explica o concelleiro de Educacion e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego. A organización propón cada ano un tema que serve de marco para que o alumnado participante desenvolva un proxecto orixinal empregando ferramentas científicas, tecnolóxicas e matemáticas (STEM) e que teña como finalidade contribuír á resolución dun problema real da sociedade. O proxecto finalizará coa presentación pública dos experimentos ou materiais creados que cheguen á fase finalista.