Noticias de Galicia

Á venda as entradas para o concerto de Carlos Núñez que terá lugar no Teatro Colón o 26 de decembro, durante as festas de Nadal

Cando:

19 de outubro de 2024

Carlos Núñez, nun extracto do making of de ‘Celtic Sea’ | Xurxo Núñez

O artista galego volve á Coruña no treito final de ano, ao abeiro da súa xira ‘Celtic Sea’, que nos últimos meses chegou a países como Irlanda, Escocia, Francia e os Estados Unidos

O Concello xa está a ultimar a programación de actividades culturais de cara á celebración das festas de Nadal, que incluirán a actuación do prestixioso artista galego Carlos Núñez. Será o xoves 26 de decembro (20.30 horas), no Teatro Colón.

Como xa é tradicional por estas datas, o gaiteiro máis internacional volve a casa e fará parada na Coruña para ofrecer un concerto tan emotivo como sorprendente. Inmerso na súa xira ‘Celtic Sea’, o músico vigués vén de percorrer países como Irlanda, Escocia, Francia e Estados Unidos para presentar o seu proxecto, que chegou a lugares emblemáticos como a catedral St. Patrick’s en Dublín, o Glasgow National Concert Hall, o Festival Interceltique de Lorient, a illa de Tatihou en Normandía e o Kaufman Music Center de Nueva York.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou «a aposta do Goberno de Inés Rey polos artistas e intérpretes da nosa terra, visible na programación cultural que oferta o Concello ao longo de todo o ano, e na que contamos tanto con valores emerxentes da escea musical galega como por artistas consagrados, como é o caso de Carlos Núñez».

Descontos especiais 

As entradas para asistir á actuación de Carlos Núñez no Teatro Colón puxéronse á venda esta semana. As persoas interesadas en adquirir o seu pase poderán facelo a través da páxina web de Ataquilla e tamén fisicamente, no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Tamén se habilitará a venda o propio día do concerto no Teatro Colón, sempre e cando haxa entradas dispoñibles.

Os custos dos pases van dos 18 aos 34 euros, en función da localidade escollida. Cómpre lembrar que haberá descontos especiais: do 20% para as persoas posuidoras do Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego, e do 25% para familias numerosas.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies